A INCIDENCIA DA CARTA DE LINGUAS REXIONAIS OU MINORITARIAS NA PROGRAMACIÓN DO SISTEMA EDUCATIVO
Alba Nogueira López
Profesora Titular de Dereito Administrativo
USC
1. Introdución
A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) é un tratado internacional promovido polo Consello de Europa coa finalidade de protexer a diversidade lingüística, cerne da identidade europea. As linguas rexionais ou minoritarias como linguas practicadas tradicionalmente nun territorio pero que non son as que fala a maioría da poboación do Estado queren ser protexidas mediante un abano de medidas dirixidas a garantir a súa presenza en diversos ámbitos sociais (educación, vida económica, medios de comunicación, xustiza, administración).
A ratificación desta norma en 2001 incorpóraa ao ordenamento interno situándoa, desde o punto de vista da xerarquía normativa, inmediatamente por debaixo da Constitución e o Estatuto. É unha norma ademais “invulnerable” pola lexislación posterior xa que só pode ser modificada cambiando o instrumento de ratificación para rebaixar os compromisos adquiridos. Os sucesivos informes de avaliación mostran unha situación de incumprimento no sistema educativo galego.
En materia de ensino os compromisos ratificados son os máis esixentes obrigando a un sistema de inmersión lingüística en tódalas etapas educativas agás a universitaria. Un simple regulamento, como é o Decreto79/2010, non pode violar os mandatos dunha norma de rango superior incumprindo o principio de xerarquía normativa e devindo ilegal por esta violación. Este traballo quere facer unha achega ao contido e significado da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias para a programación do sistema educativo galego.
2. O obxecto e posición da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias
A Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) ten o obxectivo de protexer aquelas linguas nos países membros do Consello de Europa (máis de cincuenta, aínda que tan só está ratificada por 24 países) que teñan como característica ser “as practicadas tradicionalmente no territorio dun Estado por os naturais dese Estado que constitúen un grupo numericamente inferior ao resto da poboación do Estado e diferentes da(s) lingua(s) oficial(ais) de este Estado” (art.1.a). Non fai, por tanto, referencia ás linguas dos emigrantes se non as linguas históricas de Europa. A Carta non da unha definición de lingua xa que lle deixa aos Estados a decisión sobre se un modo de expresión interna constitúe ou non unha lingua rexional ou minoritaria nos termos definidos anteriormente. Hai que ter en conta tamén que a Carta parte do pleno respecto ás linguas dos oficiais dos Estados e aos principios de soberanía e integridade territorial.
A Carta Europea de Linguas rexionais ou minoritarias aprobada no seo do Consello de Europa o 25 de xuño de 1992, foi votada practicamente por unanimidade (262 votos positivos e dúas abstencións) polo Congreso dos Deputados o 23 de novembro de 2000 e ratificada por España o 9 de abril de 2001. Desde o momento da ratificación a Carta compromete ao Reino de España e o seu cumprimento debe ser observado polo conxunto das autoridades internas.
No proceso de ratificación polo Reino de España decidiuse que a protección da Carta se aplicase a: «las lenguas reconocidas como oficiales en los Estatutos de Autonomía de las Comunidades Autónomas del País Vasco, Cataluña, Illes Balears, Galicia, Valenciana y Navarra. Asimesmo, España declara, a los mismos efectos, que también se entienden por lenguas regionales o minoritarias las que los Estatutos de Autonomía protegen y amparan en los territorios donde tradicionalmente se hablan”. Con respecto ás linguas non oficiais pero que son citadas nos Estatutos o Comité de Expertos no proceso de avaliación da Carta sinala que “entende que esta declaración abarca asimesmo as seguintes linguas: o galego en Castela-León, o aragonés e o catalán en Aragón, o asturiano, o galego-asturiano e o aranés. Estas linguas están contempladas na parte II da Carta” (Spain, 2008, 11).
Esqueceuse, porén, o instrumento de ratificación de incluÍr como linguas protexidas aquelas outras faladas historicamente en partes do territorio e que non teñen recoñecemento –de oficialidade ou de simple protección- nos Estatutos de Autonomía. Como se explica máis adiante estas linguas deben contar en todo caso coa protección da parte II da Carta aínda que o Reino de España non as incluíse na súa ratificación. Ademais o Consello de Ministros nas súas recomendacións de 2008 logo do segundo ciclo de avaliación da Carta solicita que se aclare a situación desas linguas que, sen estar no instrumento de ratificación, parecen ter unha presenza tradicional como son o galego en Castela-León, o portugués en Olivenza, o bereber en Melilla e o árabe en Ceuta. O Comité de Expertos tamén falou en 2008 do caso do galego en Extremadura e o valenciano en Murcia e o romaní e o caló. No segundo informe sinálase que aínda non se proporcionaron datos sobre a situación destas linguas non cooficiais.
A ratificación da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias logo da votación das Cortes Xerais en 2001 e a posterior publicación convértea en parte do ordenamento xurídico nunha posición inmediatamente subordinada á Constitución e ao mesmo tempo nunha norma que só pode ser modificada ou suspendida da forma prevista polo propio tratado (art.96 da Constitución Española) e por tanto invulnerable polas leis ou regulamentos estatais ou autonómicos que non poden contradicila.
A posición xurídica da Carta no ordenamento interno español é a dunha norma vixente e que compromete ao Estado. Hai autores, como AGIRREAZKUENAGA, que mesmo defenden que a Carta forma parte do bloque de constitucionalidade e, por tanto, debe servir de parámetro de interpretación do resto das normas do ordenamento xurídico xunto á Constitución e os Estatutos de Autonomía.
O que resulta claro é que certas disposicións da Carta supoñen formulacións máis avanzadas nalgúns puntos que as que figuran actualmente en normas estatais vixentes –Lei Orgánica do Poder Xudicial, lexislación de ensino de Galicia ou Illes Balears- e requiren a súa modificación.O propio Consello de Estado estableceu no seu Ditame nº1492/92 en relación coa Carta que “son diversos os aspectos da Carta que inciden en materia legal” e numerosos expertos sinalan que ademais de resultar indiscutible o seu valor e forza de lei tamén parece claro que se inscribe no bloque de constitucionalidade e que os seus preceptos deben ser respectados pola lexislación estatal e autonómica.
En todo caso a Carta expresamente proclama a un principio de conservación das disposicións máis favorables que xa poidan estar en vigor nos Estados ratificantes polo que os seus efectos son de conservación das disposicións máis favorables que xa rexan (art.4) e obriga de cumprimento naqueles aspectos nos que a Carta supere o ordenamento vixente.
Compre lembrar que para o Consello de Europa as cuestións internas de organización político institucional resúltanlle indiferentes debendo garantirse o cumprimento. Os compromisos do Estado teñen que respectarse e non serve como escusa o reparto competencial interno. Así llo fixeron saber ás autoridades españolas o Comité de expertos no segundo ciclo de avaliación de cumprimento da Carta: “En España, la responsabilidad de la aplicación en la práctica de la Carta recae en gran medida en la Administración de las Comunidades Autónomas. No obstante, el Comité de Expertos recuerda que el Estado español tiene la responsabilidad general y final de velar por la aplicación de la Carta (a este respecto véase el segundo informe de evaluación del Comité de Expertos sobre el Reino Unido- ECRML (2007)2, párrafo 31, y el segundo informe de evaluación sobre los Países Bajos-ECRML (2004) 8, párrafo 12)” (Spain, 2008, 62).
3. Estrutura da Carta: un menú aberto no que o Reino de España optou por os compromisos de protección máis elevados
A Carta xera para os Estados ratificantes dous tipos de obrigas. Existe un grupo de disposicións obrigatorias mínimas que deben aplicarse na súa integridade ao conxunto das linguas rexionais ou minoritarias dos Estados parte. Estes compromisos son os que se atopan na parte II da Carta e comprenden:
• O recoñecemento das linguas rexionais ou minoritarias, que non implica a oficialidade da lingua
• O respecto da área xeográfica da lingua en función da práctica significativa aínda que sexa minoritaria
• A necesidade dunha acción positiva decidida a favor desas linguas para garantir a supervivencia
• A garantía do ensino e o estudo
• O fomento das relacións entre falantes desa lingua para protexer a conciencia dunha mesma identidade
Xunto a estas existen unhas disposicións optativas que figuran na parte III, que son unha concreción das da parte II, nas que o Estado debe decidir a qué linguas llas vai aplicar –pode haber por tanto linguas rexionais ou minoritarias que se benefician da parte II e III e outras que non- e, ademais, definir o grao de protección ao que se acolle dentro do abano de compromiso que ofrece cada artigo respectando uns compromisos mínimos (fixados no art.2.2).
En todo caso nas disposicións da Parte III aplicables ás linguas que os Estados seleccionen na ratificación –no caso do Reino de España aquelas que aparecen recoñecidas como oficiais nos Estatutos de Autonomía ou ás que estes lle asignan algún tipo de protección-, é preciso garantir unha cobertura mínima de compromisos. A Carta obriga, se os Estados queren acollerse á protección da Parte III, a ratificar cando menos 35 parágrafos ou apartados “de los cuales, al menos, tres deberán ser elegidos de cada uno de los artículos 8 y 12 y uno de cada uno de los artículos 9, 10,11 y 13” (art.2).
En cada un dos ámbitos de regulación (educación, xustiza, administración, medios de comunicación…) a Carta establece varias posibilidades de protección que van desde unha acción positiva intensa de uso das linguas rexionais ou minoritarias ata un labor de garantía de presenza destas linguas nalgunhas manifestacións da vida social . A Parte III ten preceptos específicos dedicados á ensinanza, a xustiza, a administración e servizos públicos, os medios de comunicación, actividades e servizos culturais, vida económica e social e intercambios transfronteirizos. Os Estados ao ratificar a Carta acollen os seus preceptos pero poden facer unha ratificación “á carta” tanto nas linguas ás que se protexe como no nivel de protección que se lle quere dar.
No caso do Estado español ratificouse a Carta na súa integridade sen formular reservas e escollendo o nivel de protección mais elevado en practicamente tódolos aspectos para as linguas oficiais.
4. A protección das linguas no ensino: compromisos asumidos
O Reino de España comprometeuse ao ratificar a Carta a establecer no ámbito da educación ensino “nas” linguas propias en tódolos niveis educativos excepto no universitario. En definitiva á existencia de sistemas de inmersión lingüística en tódalas Comunidades Autónomas con dúas linguas oficiais.
Os compromisos ratificados –lembremos que foron elixidos libremente polas Cortes nun abano que permitía unha protección de intensidade diversa- son a banda máis alta de protección prevista salvo no caso do ensino universitario. Inclúense na ratificación tódolos parágrafos do artigo 8 e dentro deles adóptase o nivel (i) de compromiso que é o previsto para sistemas de inmersión na lingua rexional ou minoritaria. Desbótase, por tanto, o nivel (ii, iii) que consistirían, respectivamente nun ensino “substancialmente” na lingua rexional ou minoritaria; ou no ensino “da” lingua como parte integrante do plan de estudos; ou nunha oferta de ensino na lingua ou da lingua tan só dirixida aos estudantes que o soliciten si se considera que existe un número suficiente.
No proceso de ratificación o Reino de España podía ter escollido compromisos de menor nivel e cunha gradación descendente na protección prestada (ensino con materias nas dúas linguas, ensino só da materia de lingua galega, ensino da materia de galego previa demanda dos pais e sempre que houber un número mínimo de interesados) pero optou pola banda alta de protección que, no momento de ratificación, só se garantía co modelo de inmersión de Cataluña ou o modelo de elección integramente na lingua propia de Euskadi.
No artigo adicado á ensinanza a ratificación en toda a súa extensión significa a opción por un modelo de ensino nas linguas propias. Neste sentido as previsión da LNL deben ser hoxe interpretados á vista dos compromisos adquiridos polo Reino de España ao ratificar a Carta nos que en materia de ensino comprometeuse a:
Artigo 8. Ensino
1. En materia de ensino e, polo que se refire ao territorio en que se falan as ditas
linguas e segundo sexa a situación de cada unha delas, sen prexuízo do ensino
da(s) lingua(s) oficial(is) do Estado, as partes comprométense a:
a i) prever unha educación preescolar garantida nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes;
b i) prever un ensino primario garantido nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes;
c i) prever un ensino secundario garantido nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes;
d i) prever un ensino técnico e profesional garantido nas linguas rexionais ou minoritarias correspondentes;
e iii) se, en razón do papel do Estado con respecto aos centros de ensino superior, os puntos i) e ii) non se puidesen aplicar, fomentar e/ou autorizar o establecemento dun ensino universitario ou outras formas de ensino superior nas linguas rexionais ou minoritarias, ou de medios que permitan estudar esas linguas na universidade ou noutros centros de ensino superior;
f i) tomar disposicións para que se impartan cursos de ensino para adultos ou de educación permanente principal ou totalmente nas linguas rexionais ou minoritarias;
g) tomar medidas para asegurar o ensino da historia e a cultura das que é expresión a lingua rexional ou minoritaria;
h) garantir a formación inicial e permanente do profesorado necesario para aplicar os parágrafos de a) a g) que aceptase a parte;
i) crear un ou varios órganos de control encargados do seguimento das medidas adoptadas e dos progresos realizados no establecemento ou desenvolvemento do ensino das linguas rexionais ou minoritarias, e redactar ao respecto informes periódicos que se farán públicos.
2. En materia de ensino e polo que se refire a territorios distintos daqueles en que se falan tradicionalmente as linguas rexionais ou minoritarias, as partes comprométense a autorizar, fomentar ou establecer, se o número de falantes dunha lingua rexional ou minoritaria o xustifica, o ensino da lingua rexional ou minoritaria ou nela, nos niveis que se consideren oportunos.
Polo tanto, de acordo co reparto interno de competencias, o goberno galego debe ter en conta estes preceptos á hora de deseñar o modelo educativo en Galicia. De acordo coa distribución competencial e os compromisos internacionais adquiridos coa ratificación da Carta, que neste aspecto amplía a regulación establecida na Lei de Normalización Lingüística, é preciso configurar unha oferta de ensino en galego en tódolos niveis educativos. A CELRM supón a necesidade de que en Galicia para o conxunto do sistema educativo exista unha oferta de ensino só en galego coa materia de lingua castelán sen necesidade de acreditar unha demanda específica de falantes. De feito, tan só podería limitarse en función desa demanda de falantes o compromiso asumido de ensinar as linguas rexionais ou minoritarias mesmo fora do territorio no que tradicionalmente se falan (art.8.2). Isto é deberán habilitarse ámbitos de ensino do galego, o catalán e o euskera fora dos territorios nos que son oficiais se existir demanda.
O goberno do Partido Popular en 2001 propuxo para a súa ratificación polas Cortes o compromiso de que tódalas Comunidades Autónomas onde existe o recoñecemento de linguas propias como oficiais, poñerán en marcha sistemas de inmersión lingüística no ensino preescolar, primario, secundario, de formación profesional e de educación para adultos.
No marco da Carta cabe tanto que este modelo sexa o único ofertado –Cataluña- como que conviva con outros modelos lingüísticos –Euskadi-, pero calquera deseño que non aposte pola inmersión sería ilegal ao descoñecer os mandatos deste Tratado Internacional incorporado ao ordenamento interno pola ratificación efectuada en 2001.
No caso galego unha interpretación coherente da Lei de Normalización Lingüística e a CELRM levaría a un modelo como o catalán xa que a previsión de non separación dos estudantes por razón de lingua en distintas aulas da LNL faría inviable unha pluralidade de liñas con previsións lingüísticas diversas como a formulada en Euskadi.
5. A avaliación do cumprimento dos compromisos adquiridos en materia de ensino en Galiza
A Carta incorpora unha serie de mecanismos de seguimento de carácter informativo para garantir a súa aplicación. O máis relevante é a realización de informes periódicos de seguimento que deben presentar os Estados cada tres anos e a existencia de un comité de expertos que fai unha avaliación tamén trianual do funcionamento da Carta en cada Estado elevando recomendacións sobre o cumprimento ao Comité de Ministros do Consello de Europa. Para estas recomendacións o Comité de Expertos recibe tanto información por escrito das Administracións implicadas como informes de ONGs e colectivos implicados ou de expertos independentes. Ademais realiza visitas “in situ” para manter entrevistas cunha ampla representación da sociedade civil e autoridades administrativas a fin de ter unha visión global da situación da lingua nos distintos sectores.Á vista do Informe do Comité de Expertos o Comité de Ministros publica finalmente unhas recomendacións breves para cada Estado ratificante como final dese ciclo de avaliación.
Fonte gráfico: https://www.coe.int/t/dg4/education/minlang/aboutmonitoring/default_en.asp
No caso do Reino de España xa se publicaron dous informes de seguimento (2005, 2008) e está comezando o terceiro proceso de avaliación do cumprimento. Disponse xa, polo tanto, dunha serie de valoracións sobre a consideración que lle merece ao Consello de Europa o cumprimento dos compromisos adoptados en materia de ensino.
a) O modelo de inmersión
O compromiso adquirido polo Estado español sería, como se dixo, o establecemento de liñas de ensino en tódolos niveis educativos nas linguas cooficiais, sen prexuízo do ensino do castelán como materia. En definitiva, o modelo educativo debería camiñar cara a inmersión en galego ou, cando menos, cara a existencia de liñas só en galego –co castelán como materia- e outras liñas que con porcentaxes que garantan a plena competencia en galego e castelán para o que debe tomarse como pauta os estudos existentes e as experiencias previas de regulación e os resultados que acadaron que, no caso do galego foron insuficientes. Este último suposto dun pluralidade de modelos tan só podería sustentarse amparándose na excepcionalidade que permite a Lei de Normalización Lingüística de separar en distintas aulas por razóns pedagóxicas polo que parece dificilmente sostible co marco legal vixente.
Compre salientar o alto valor que lle outorga o Comité de Expertos ao sistema catalán poñéndoo como exemplo a nivel europeo de recuperación de uso da lingua. Así indicou: “el Comité de Expertos observa que este sistema apunta a una admirable inversión de la tendencia: una lengua regional/minoritaria que seguía oprimida hace apenas treinta años se ha convertido en la lengua de oficio del sistema educativo en su territorio tradicional, y en la primera lengua de enseñanza para la mayor parte de la última generación de jóvenes que han sido educados en Cataluña. Esta evolución es sumamente excepcional en la historia de Europa y confirma el interés especial de España en este ámbito” (Spain, 2005, 208).
Avalando a consideración de que o único sistema válido aos efectos de cumprimento dos compromisos é o de inmersión o Comité de Expertos fai unha mención expresa ao caso de Euskadi indicando que os outros modelos existentes quedan fora deste compromiso: “La estructura básica del marco educativo es, en principio, excelente, y debe elogiarse a las autoridades competentes a este respecto (…) El hecho de que otros modelos también persigan el objetivo de lograr el bilingüismo en general en dicho territorio va más allá del compromiso” (Spain, 2005, 484).
No caso de Valencia –onde existe unha pequena oferta de ensino en catalán- o Comité de Expertos “considera que, a excepción del modelo de “inmersión lingüística” hasta una determinada fase de la escuela primaria, ninguno de los demás modelos alcanza el nivel exigido por los compromisos específicos contraídos por España e, incluso en las zonas en que la presencia del valenciano es mayor, los modelos en cuestión son más similares a modelos bilingües de enseñanza implícitos en la obligación de nivel inferior prevista en el pár. 1.a/b/c del artículo 8 (es decir, las obligaciones contenidas en el pár. a.ii, 1.b.ii y 1.c.ii del artículo 8)”(Spain, 2005,744).
A valoración xeral que lle merece o cumprimento dos compromisos en materia de ensino ao final do segundo proceso de avaliación é que: “en la mayoría de las comunidades autónomas, la enseñanza en la lengua cooficial se basa en un modelo de bilingüismo estructurado. Sin embargo, esto no corresponde con los compromisos elegidos por el Gobierno español, que conllevan ofrecer asimismo modelos de enseñanza impartida esencialmente en las lenguas regionales o minoritarias. La elaboración de un modelo de “plena inmersión” sumado al modelo bilingüe es el objetivo que todas las comunidades autónomas interesadas deberían tratar de alcanzar con miras a cumplir gradualmente los compromisos suscritos” (Spain, 2008, Conclusións H).
Parece pois evidente que o risco de repetición dun novo informe negativo do comité de expertos que avalían o cumprimento da Carta faría preciso deseñar as medidas precisas para facer fronte aos compromisos adquiridos no plano internacional e que, agora, forman parte do ordenamento interno pola súa ratificación e publicación. Tan só Cataluña e Euskadi quedaron á marxe deste informe negativo, precisamente, pola existencia de modelos de inmersión lingüística que ao entender dos expertos non debe ser ofertado de forma limitada –como sucede en Valencia- senón “sistemática” e estenderse ás Comunidades Autónomas onde non existen liñas de ensino integramente na lingua propia.
b) O modelo de equilibrio ao 50%. O modelo do Decreto 124/2007, de 28 de xuño
O modelo do Decreto galego 124/2007 dun reparto das materias no que como mínimo un 50% das materias se impartiran en galego resulta moi semellante ao modelo balear que, por levar máis tempo implantado, foi examinado nos procesos de avaliación da Carta. A consideración sobre ese modelo é que non acada o nivel de compromiso ratificado polo Reino de España: “El Comité de Expertos considera que el modelo educativo actual no alcanza el nivel exigido por los compromisos específicos contraídos por España, que conllevan ofrecer enseñanza principalmente en catalán en las Islas Baleares y que ésta no se limite a la mitad del programa escolar” (Spain, 2005, 624).
De feito o proceso de avaliación levado a cabo en 2008 recoñece como positivos os cambios experimentados tras o Decreto de 2007 e os proxectos pilotos de liñas só en galego nalgúns centros pero sigue indicando que non pode considerarse que acaden os compromisos subscritos. Tan só a implantación das Galescolas para a etapa de preescolar (ao que adica unha loubanza particular) cumpría nese período os compromisos de ofertar unha parte substancial da programación educativa en galego aínda que se sinalaba que o número de nenos/as cubertos seguía sendo moi baixo (1,31 por cento).
c) Algunhas materias en galego. O modelo do Decreto 79/2010, de 20 de maio
Un modelo no que tan só algunhas materias se oferten en galego era o que tiña Galicia antes do Decreto 124/2007. Este sistema de ensino do galego cara o que volve a o Decreto 79/2010, de 20 de maio, foi desbotado polo Comité de Expertos no primeiro proceso de avaliación: “Con independencia de la incertidumbre que predomina con respecto a la práctica que se sigue en la enseñanza preescolar y primaria, que consiste en utilizar la lengua predominante entre los alumnos, el Comité de Expertos considera que, según la información de que dispone, el modelo educativo actual no alcanza el nivel exigido por los compromisos específicos contraídos por España, que suponen que la enseñanza o una parte fundamental del programa escolar se impartan esencialmente en gallego, y no sólo unas pocas asignaturas. El sistema educativo establecido actualmente en Galicia corresponde a la obligación menos importante contenida en el pár. 1.a/b/c del artículo 8 (por lo tanto, las obligaciones contenidas en los párs. 1.a.ii, 1.b.ii y 1.c.ii del artículo 8). Asimismo, el Comité de Expertos recibió quejas, durante su visita “en el lugar”, acerca de que el gallego es raramente una lengua de enseñanza, que muchas escuelas primarias y secundarias no enseñan todas las materias que deberían impartirse normalmente en gallego, y que en muchos centros educativos no se dispone de libros de texto en gallego. Por último, parece que el gallego no está presente fuera de las clases. 875. A la luz de los compromisos específicos contraídos por España, es decir, el más importante en virtud del artículo 8 de la Carta, el Comité de Expertos considera que éstos no se cumplen” (Spain, 2005, 874-875). Mesmo se establece como conclusión final que “el Comité de Expertos alienta a las autoridades competentes a establecer modelos educativos en gallego para la enseñanza preescolar, primaria y secundaria, de conformidad con los compromisos específicos contraídos en estos ámbitos”.
6. Os efectos dos incumprimentos dos compromisos asumidos. A ilegalidade do Decreto 79/2010 por violar a CELRM
A Constitución Española (art.9.3) garante a xerarquía normativa que, neste caso supón que o Decreto 79/2010 non pode contradicir as normas que ocupan unha posición superior no ordenamento xurídico (leis e tratados internacionais incorporados ao ordenamento como é o caso da CELRM).
Os regulamentos, ao estar subordinados ás leis e tratados internacionais, sendo o seu papel de desenvolvemento dos principios e normas fixadas por estes. Non pode haber regulamentos contraditorios coa normativa de rango superior. A consecuencia prevista no ordenamento para este suposto sería a súa ilegalidade. O artigo 62.2 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das Administracións públicas e procedemento administrativo común establece que “tamén serán nulas de pleno dereito as disposicións administrativas que vulneren a Constitución, as leis ou outras disposicións administrativas de rango superior”.
De coñecer os recursos contra os regulamentos ilegais están encargados os xulgados e tribunais da orde contenciosa-administrativa (art.1.1 da Lei da Xurisdicción contencioso-administrativa). Ademais a Lei Orgánica do Poder Xudicial incorpora un mandato (art. 6 LOPJ) que establece que“Los Jueces y Tribunales no aplicarán los reglamentos o cualquier otra disposición contrarios a la Constitución, a la ley o al principio de jerarquía normativa”.
Parece claro que coa ratificación da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias incorpórase ao ordenamento interno. Pola posición que os tratados internacionais ocupan na xerarquía normativa fai que o Decreto 79/2010, como norma de desenvolvemento da ordenación lingüística do sistema educativo, deba incorporar os compromisos adquiridos. A dicción da Carta é clara e precisa en canto ao nivel de compromiso establecido para o galego nas etapas de ensino obrigatorio e nalgunhas non-obrigatorias que se ten que traducir en sistemas de inmersión en galego. A inexistencia dunha oferta neste sentido constituiría unha tacha de ilegalidade do Decreto por violación do principio de xerarquía normativa.
—————